5.11.08

UNHA DE PRÍNCIPES AZUIS



Acariñou o teclado, probou o seu tacto, mentres pensaba, sería tan fermoso ser fermosa. Foi entón cando decidiu que, na súa historia, ela sería tan fermosa que ninguén a querería pola súa intelixencia, a súa bondade ou calquera outra abstracción da beleza dunha alma na que non cría. Só sería fermosa e lanzal, unha desas heroínas románticas que pasan a vida á espera de que veña EL a rescatalas do seu encerro só para descubrir, pasados os primeiros tremores da paixón, que cambiaron a gaiola na que naceron por outra na que entraron polo seu propio pé, e dende a que verán pasar a vida sen máis emocións que lle sacar brillo aos barrotes, espulgar pitiños e rechouchíar para o seu cada vez máis irritable namorado –os harmónicos reproches da belida e da súa prole non o deixan concentrarse nas súas actividades intelectuais, nomeadamente beber porto, ler o xornal, limpar as pistolas de duelo-, ata que EL, procurando a paz perdida, cubra a gaiola cun viril veludo azul cuspidiño aos pesados cortinaxes desa biblioteca na que ela, fermosa e lanzal, non tería cabida máis que coma personaxe.


Xa estaba outra vez.


A realidade. Que grande estragadora de soños.