18.8.08

Protexer o lector?





Álvaro –quince anos- guinda o libro enriba da mesa.

-Parabéns.

-Gustouche?

-Si. É moi crúa, pero está moi ben.

Ollámonos un intre, sorrimos. Espréitame a través deses os seus ollos riscados, tan fermosos. Os ollos de Aldara.

-Ti pensas iso?

-Que quere dicir “iso”?

-Da vida. Pensas que todo é unha merda, que nada paga a pena?

-Eu non son Gabriel, fillo. El é incapaz de ser feliz. Ti cres que eu son así?

Volve sorrir. Son a súa nai, algo arroutada, si, mais sempre divertida e agarimosa.

-Non, claro que non –sinálame co índice- O próximo vai ser o de relatos. Avísocho.


Finxo ignoralo, mentres a miña mente bule polos andeis do meu cuarto. Só teño un exemplar. Tereino que agochar.

26/08/08 - Supoño que non fai falla dicilo, pero nunca lle agocharía un libro aos meus fillos, aínda que cando os vexo cun dos meus nas mans a tentación é inmediata. Concordo co que di Dolores Vilavedra no Protexta de agosto sobre as lecturas dos rapaces. Entre as últimas lecturas de Álvaro -agora está a ler Made in Galiza- está o case inevitable Harry Potter, máis tamén Los perros de Tesalónica, de Askildsen, Matadero 5, de Vonnegut ou Cartero, de Bukowski. Gústame o pouso que lle deixan, as preguntas que me fai logo sobre o estilo ou a trama, a súa empatía cara ás aventuras e desventuras das personaxes.

Sem comentários: