A ten os ollos riscados e as orellas grandes.
Gústanlle os documentais sobre natureza.
Di que este ano quere viaxar, pero non a Taiwan,
(alguén lle contou que alí explotan os nenos).
De maior quere ser biólogo mariño.
Vivirá en Vigo, terá moza, gañará o premio Nobel,
deixará que lle enchamos a neveira as fins de semana.
B está moi delgado, ten os dentes saíntes
(di que a ortodoncia non lle presta coa roupa que leva).
Cando era máis pequeno quería ser rico e famoso,
agora conformaríase cunhas zapatillas de cento oitenta euros
para presumir diante dos amigos. Como non hai cartos
presume da súa tolemia. Son perigoso. Os meus pais medícanme.
Calquera día vou matalos a todos.