“O que xulgamos aquí é a responsabilidade dos cidadáns dun territorio cunha lingua, xulgamos un feito moral, non legal” (*)
Neste xuízo aos falantes, que non á lingua, que é Comedia Bífida, os lectores xogamos o dobre papel de xurado e acusados. O autor presenta diante de nós, asumindo o papel de avogado do diaño -nunca mellor dito-, todas as acusacións que estamos afeitos a escoitar sobre o galego, esa “lengua de pailanes, que solo se habla en la aldea”.
Así, van desfilando diante de nós os tópicos de sempre sobre a lingua: o galego como lingua inútil, que non sirve máis alá do Padornelo; a afirmación de que o galego é unha lingua sen norma, que non é un idioma serio, “si teneis un cacao que no os entedeis vosotros”, e polo tanto non paga a pena estudalo, non vaia ser que o aprendas do dereito e mañá cho pidan do revés; o proveito que os detractores do galego tiran da lea normativa entre isolinos e reintegratas; a educación como xustificación para que renunciemos a usar a nosa lingua cos que veñen de fóra, aínda que eles non sintan ningún respecto pola nosa lingua, pola nosa cultura, é dicir, adaptarnos a quen se nega a se adaptar a nós; a identificación galego-nacionalismo que de xeito sorprendente fan moitos galegofalantes de dereitas; a falta de prestixio do galego; o desprezo dos galegofalantes de berce polos neofalantes, “Eses que empezan a falar o galego agora porque está de moda non van comigo. O galego téñeno que falar os que o teñen que falar e cando o teñen que falar, coidadiño!”; a acusación de que o galego normativo é unha lingua inventada; esa frase tan escoitada de que “O que necesita este país son postos de traballo, cartos, entendido?, e o resto son caralladas”, como se non se gastase un peso neste país no castelán; a mentira desa inexistente imposición da lingua de noso, “E ademais a min isto do galego paréceme unha imposición”; o auto odio que leva a galegofalantes dende o berce a considerar que ese o seu galego vivo, das vilas, é o exemplo do mal galego. Porque, velaí o problema, moitas veces son os galegofalantes os que consideran a lingua de seu como unha lingua de terceira.
Nuñez Singala, armado de retranca, rebate unha por unha todas esas acusacións, e faino enfrontando os falantes coas súas mesmas contradicións: a nai que fala coa amiga en galego e cos seus fillos nun castelán inzado de estruturas sintácticas galegas, e aínda se lamenta de que o fillo suspenda o galego; o vello que non falou máis que galego na súa vida e que porén coida que esa lingua que ten sido a súa ferramenta exclusiva de comunicación cos demais “non vale para nada”; esas irmás siamesas que simbolizan o desprezo que senten as dúas principais cidades galegas pola lingua de noso, “Y los que lo hablan son los nacionalistas, gente violenta, que no pega con nosotras para nada, para nada, por Dios”, e que porén gastan os cartos en protexer linguas alleas: “Galego nin un chío, pero tibetano e catalán, sen problemas. País!”; eses pretendidos bilingües que non só non queren o galego para eles, senón que lle negan aos demais a liberdade de utilizalo.
O mellor do libro é que non só denuncia situacións e actitudes contrarias ao galego, senón que amosa unha oposición frontal contra elas. Imos todos un pouco fartos dese amosar a chaga e deixar que feda. Hai que ensinarlles aos rapaces como defender as súas conviccións, como se defender das mentiras, como loitar contra o prexuízo. Aínda hai “tempo para rectificar antes de que sexa definitivamente tarde”
(*) Todas as cursivas, citas textuais.
Comedia Bífida. Manuel Núñez Singala. Colección Costa Oeste. Editorial Galaxia, 2007
Sem comentários:
Enviar um comentário