10.10.08

LIMPEZA DE SANGUE


Fernando e Pantaléon non semellan ter moito en común, máis alá da enfermidade que está a acabar con eles. Fernando, “un home novo, fraco e doente” é un ex ionqui sen un peso no peto, Pantaleón “un gordo con aires de cura” cunha boa posición económica. Non é esa a única diferenza entre eles. Arredor de Fernando están Mucha, a súa muller, que loita por manter vivo o seu home, a súa filla e Clemente, o seu amigo drogadicto, mentres Pantaleón só nos amosa un currículo de soidade. As súas son relacións de traballo, as que se lle poden supoñer no oficial mais tamén as do seu choio non oficial co perigoso don Anselmo.

É a enfermidade a que os achega, primeiro fisicamente, no limitado espazo físico da sala de diálise, e logo no eido emocional, nese destino compartido que os une. Fernando ten pasado tantas horas nesa sala, nesa caste de mundo paralelo no que un vive só para manter vivo o seu corpo, consciente da maquinaria, dos engrenaxes, de ser unha mente présa nun corpo que xa non funciona. Pantaleón comprende a dor de Fernando porque sabe que tamén será a súa.

Ademais, eses mundos tan diferentes que habitan non o son tanto. A súa enfermidade impídelles traballar, o que desespera a Fernando, que ve como a súa muller carga con toda a responsabilidade de traer cartos á casa; os problemas de Pantaleón son doutra caste. Don Anselmo desconfía del, ameázao. Ese home afeccionado aos cans tolleitos, “De verdade que non podo ver sufrir un animal”, non amosa a mesma compaixón cara a Pantaleón cando este lle di que a súa enfermidade o obriga a deixar o seu traballo de inspector de obra.

Fernando e Clemente deciden arranxar os seus problemas económicos atracando un supermercado, o que fan de xeito tan desastroso que o asunto remata cun tiro no pé de Fernando e con Pantaleón como testemuña do atraco, o que remata por unir de novo os mundos dos protagonistas, que xa non se separarán en toda a obra.

As diferenzas de clase e educación dos personaxes amósanse a través dos rexistros lingüísticos de cada un deles: a corrección coa que se expresa Pantaleón contrasta coa linguaxe coloquial, koruño incluído (neno, chukelo) que empregan os personaxes do mundo de Fernando; incluso os nomes dos cans -Pibú, Biocán- cumpren a mesma función. Os diálogos son irónicos, cínicos, lúcidos e amargos. Moitas anotacións do autor son máis literarias que prácticas: “O amencer entra a berros por unha ventá”. Procúrase a verosimilitude a través do recoñecemento do improbable: “PANTALEÓN: ¿E que? ¿Non hai máis policía? ¿Todo o que sucede nesta cidade investígao vostede ou depende de vostede?”.

Son moitos os temas dos que fala a obra: a existencia de dous mundos, o dos perdedores e o dos triunfadores, a diferenza de clases, da que Fernando é ben consciente -“(…) a ti aténdete don Luís e a min Alicia”-, a corrupción, a hipocrisía e a dobre moral –semella irónico que os únicos personaxes aos que se lles dá o tratamento de don carezan de empatía cara aos seus semellantes-, a culpa -a toxina que está a envelenar a Pantaleón-, o abuso de poder sobre aqueles que non teñen nada, a inxustiza, a soidade, a falta de humanidade e os prexuízos daqueles que teñen vidas nas súas mans, -“E o estrés, ¿de qué? ¿De non traballar?”-, a solidariedade, o sufrimento, a dor. E a morte, que a todos iguala.


Limpeza de sangue. Rubén Ruibal. Biblioteca Dramática Galega. Edicións Xerais, 2006.

Sem comentários: