5.11.08

UNHA DE PRÍNCIPES AZUIS



Acariñou o teclado, probou o seu tacto, mentres pensaba, sería tan fermoso ser fermosa. Foi entón cando decidiu que, na súa historia, ela sería tan fermosa que ninguén a querería pola súa intelixencia, a súa bondade ou calquera outra abstracción da beleza dunha alma na que non cría. Só sería fermosa e lanzal, unha desas heroínas románticas que pasan a vida á espera de que veña EL a rescatalas do seu encerro só para descubrir, pasados os primeiros tremores da paixón, que cambiaron a gaiola na que naceron por outra na que entraron polo seu propio pé, e dende a que verán pasar a vida sen máis emocións que lle sacar brillo aos barrotes, espulgar pitiños e rechouchíar para o seu cada vez máis irritable namorado –os harmónicos reproches da belida e da súa prole non o deixan concentrarse nas súas actividades intelectuais, nomeadamente beber porto, ler o xornal, limpar as pistolas de duelo-, ata que EL, procurando a paz perdida, cubra a gaiola cun viril veludo azul cuspidiño aos pesados cortinaxes desa biblioteca na que ela, fermosa e lanzal, non tería cabida máis que coma personaxe.


Xa estaba outra vez.


A realidade. Que grande estragadora de soños.


11.10.08

JOSÉ



Na foto, José está entre o meu irmán Nani e máis eu. Era o noso tío, o irmán da miña nai, mais iso era só unha das moitas mentiras que din os libros de familia. Medramos como irmáns. Éramos irmáns.

Quixémonos, odiámonos, nos últimos tempos ignorámonos. Pero eu sabía que el sempre estaba aí para min, e sei que el sentía o mesmo, aínda que non fosemos quen de salvar a distancia que se instalara entre nós por unha parvada.

José, o meu irmán, morreu o 27 de decembro pasado, despois de 26 anos de loita cruel, valente, desesperada, contra o Crohn.

Onte tería cumprido 45 anos.

Lembreino hoxe, lendo a noticia da morte de Ramiro Fonte. Lembrei, tamén, a chamada en metade da noite da muller de José. A incredulidade, a infinita dor. As bágoas inevitables aínda agora cando vexo pola rúa alguén cos mesmos ombreiros cansos. Cando escribo esta inútil declaración de dor.

As miñas condolencias, de corazón, á familia de Ramiro Fonte.


ASI NACEN AS BALEAS

Reclamada pola tía Natalia, a Nena volve á casa. Alí atopa a súa Nai enferma, pechada por propia vontade no seu cuarto, a Felisa, a aia que tentou atrapala na arañeira do seu amor, ao tío Cándido, ou cando menos á súa sombra. E a ausencia de Ramón.

Arredor desta ausencia artéllase a primeira parte da novela. Todo na casa evoca a Ramón, de quen pouco máis sabemos que o amor que lle tivera a Nena. Comeza a tecerse ao redor da moza o fío que busca atala de novo á familia. Nesa a súa volta forzosa a casa, a Nena négase a sentir, temerosa de que a compaixón pola nai enferma a ancore a unha familia que nin sequera lle pregunta canto tempo vai quedar, tan certos están de que a súa vida lles pertence. Ao fin e ao cabo, esa Nena da que nin sequera coñecemos o nome naceu, como a outra muller sen nome da novela, a Nai, “cun destino deseñado”: coidar de Ramón.


Pero Ramón xa non está, ese “enorme e bonito e fodido problema”, o único afecto que a Nena coñeceu nesa casa, xa non pode protexela co seu amor, coas súas caricias, da nai. E a nai é agora un monstro vencido, enfermo, e aínda así incapaz de se render ao afecto. Con razón a Nena aprecia máis os seus pés que o seu embigo; os primeiros son a liberdade, o segundo únea á Nai, esa muller a quen tanto teme parecerse e á que, porén, atopa na amante, tan semellante, incluso fisicamente, á Nai.


Novela de ausencias –Ramón, o pai, a frialdade da Nai-, o mellor deste retrato cruel de familia son os personaxes da Nai e de Ramón, ese “pequeno e delicado xigante” que lle ensina a Nena de xeito inesquecible como nacen as baleas, a creación de atmosferas, moitas veces a través de descricións anímicas de obxectos inanimados, a evocación case física dos recordos.


Así nacen as baleas. Anxos Sumai. Editorial Galaxia, 2007

Un poema de Emily Dickinson


I'm Nobody! Who are you?
Are you -- Nobody -- Too?
Then there's a pair of us!
Don't tell! they'd advertise -- you know!

How dreary -- to be -- Somebody!
How public -- like a Frog --
To tell one's name -- the livelong June --
To an admiring Bog!


Eu son ninguén. Quen es ti?
Es ti -- ninguén -- tamén?
Entón somos dous!
Non o digas! Pregoaríano -- xa sabes!

Que aburrido -- ser -- Alguén!
Que público -- coma unha ra --
dicir o teu nome -- todo Xuño --
a un admirado Lameiro!


10.10.08

Malfadada coincidencia.


Cando aseguras que ti es del,
tremendo e suspirando,
e el xura que a súa paixón é
infinita, eterna,
Dona, toma nota disto:
Un de vós está mentindo.


Dorothy Parker


LIMPEZA DE SANGUE


Fernando e Pantaléon non semellan ter moito en común, máis alá da enfermidade que está a acabar con eles. Fernando, “un home novo, fraco e doente” é un ex ionqui sen un peso no peto, Pantaleón “un gordo con aires de cura” cunha boa posición económica. Non é esa a única diferenza entre eles. Arredor de Fernando están Mucha, a súa muller, que loita por manter vivo o seu home, a súa filla e Clemente, o seu amigo drogadicto, mentres Pantaleón só nos amosa un currículo de soidade. As súas son relacións de traballo, as que se lle poden supoñer no oficial mais tamén as do seu choio non oficial co perigoso don Anselmo.

É a enfermidade a que os achega, primeiro fisicamente, no limitado espazo físico da sala de diálise, e logo no eido emocional, nese destino compartido que os une. Fernando ten pasado tantas horas nesa sala, nesa caste de mundo paralelo no que un vive só para manter vivo o seu corpo, consciente da maquinaria, dos engrenaxes, de ser unha mente présa nun corpo que xa non funciona. Pantaleón comprende a dor de Fernando porque sabe que tamén será a súa.

Ademais, eses mundos tan diferentes que habitan non o son tanto. A súa enfermidade impídelles traballar, o que desespera a Fernando, que ve como a súa muller carga con toda a responsabilidade de traer cartos á casa; os problemas de Pantaleón son doutra caste. Don Anselmo desconfía del, ameázao. Ese home afeccionado aos cans tolleitos, “De verdade que non podo ver sufrir un animal”, non amosa a mesma compaixón cara a Pantaleón cando este lle di que a súa enfermidade o obriga a deixar o seu traballo de inspector de obra.

Fernando e Clemente deciden arranxar os seus problemas económicos atracando un supermercado, o que fan de xeito tan desastroso que o asunto remata cun tiro no pé de Fernando e con Pantaleón como testemuña do atraco, o que remata por unir de novo os mundos dos protagonistas, que xa non se separarán en toda a obra.

As diferenzas de clase e educación dos personaxes amósanse a través dos rexistros lingüísticos de cada un deles: a corrección coa que se expresa Pantaleón contrasta coa linguaxe coloquial, koruño incluído (neno, chukelo) que empregan os personaxes do mundo de Fernando; incluso os nomes dos cans -Pibú, Biocán- cumpren a mesma función. Os diálogos son irónicos, cínicos, lúcidos e amargos. Moitas anotacións do autor son máis literarias que prácticas: “O amencer entra a berros por unha ventá”. Procúrase a verosimilitude a través do recoñecemento do improbable: “PANTALEÓN: ¿E que? ¿Non hai máis policía? ¿Todo o que sucede nesta cidade investígao vostede ou depende de vostede?”.

Son moitos os temas dos que fala a obra: a existencia de dous mundos, o dos perdedores e o dos triunfadores, a diferenza de clases, da que Fernando é ben consciente -“(…) a ti aténdete don Luís e a min Alicia”-, a corrupción, a hipocrisía e a dobre moral –semella irónico que os únicos personaxes aos que se lles dá o tratamento de don carezan de empatía cara aos seus semellantes-, a culpa -a toxina que está a envelenar a Pantaleón-, o abuso de poder sobre aqueles que non teñen nada, a inxustiza, a soidade, a falta de humanidade e os prexuízos daqueles que teñen vidas nas súas mans, -“E o estrés, ¿de qué? ¿De non traballar?”-, a solidariedade, o sufrimento, a dor. E a morte, que a todos iguala.


Limpeza de sangue. Rubén Ruibal. Biblioteca Dramática Galega. Edicións Xerais, 2006.

8.10.08

INCERTOS


Chamoume, e eu collín o teléfono, e logo. Había días e días que non sabía nada del. Eu que sei cantos. Igual semanas ou meses xa”. Así, cun narrador incapaz de concretar os detalles, comeza Advertencia, o primeiro relato de Incertos. Este narrador en primeira persoa que xa dende as primeiras liñas se amosa dubitativo ou desconcertado repítese noutros contos (Eu non era, Circulo vicioso, A derradeira lección), instalando dende o comezo ao lector nese clima incerto no que se desenvolven boa parte das historias. Axudan a construír esta incerteza un tempo verbal e un punto de vista ás veces inestable, a constante disolución da materia, da mesma identidade.

Porque neste xogo de realidades paralelas nada é o que parece, nin sequera un mesmo. “Sentía que era eu pero en realidade era outro”. De fondo, o medo sempre presente a perder a propia identidade, a deixar de ser, a morrer. E fronte a disolución, ás veces o amor, que nos reconstrúe, que nos ata á vida, que procura esperanza. Sentir para nos afastar dese “bruar mortífero” que algún día nos alcanzará, “todo conforme as regras da compañía”. Sempre haberá alguén disposto a ocupar o noso lugar, tentando evitar a incerteza, a disolución, a morte.

Esta unidade climática de moitos dos relatos fai destacar o dubidoso encaixe doutros no conxunto. Dous exemplos: Pola memoria do teu pai está ben, pero o final vese vir dende lonxe, mentres que Non somos nada, para min o relato máis prescindible do conxunto, narra a aproximación, puro instinto de supervivencia, dunha depredadora á súa vindeira presa tendo aínda diante o corpo da anterior. Pouco que ver con esoutros relatos nos que Dobao trata temas que forman parte da nosa esencia como seres humanos.

Incertos. Antón Dobao. Edicións Xerais, 2008

COMEDIA BÍFIDA


O que xulgamos aquí é a responsabilidade dos cidadáns dun territorio cunha lingua, xulgamos un feito moral, non legal” (*)

Neste xuízo aos falantes, que non á lingua, que é Comedia Bífida, os lectores xogamos o dobre papel de xurado e acusados. O autor presenta diante de nós, asumindo o papel de avogado do diaño -nunca mellor dito-, todas as acusacións que estamos afeitos a escoitar sobre o galego, esa “lengua de pailanes, que solo se habla en la aldea”.

Así, van desfilando diante de nós os tópicos de sempre sobre a lingua: o galego como lingua inútil, que non sirve máis alá do Padornelo; a afirmación de que o galego é unha lingua sen norma, que non é un idioma serio, “si teneis un cacao que no os entedeis vosotros”, e polo tanto non paga a pena estudalo, non vaia ser que o aprendas do dereito e mañá cho pidan do revés; o proveito que os detractores do galego tiran da lea normativa entre isolinos e reintegratas; a educación como xustificación para que renunciemos a usar a nosa lingua cos que veñen de fóra, aínda que eles non sintan ningún respecto pola nosa lingua, pola nosa cultura, é dicir, adaptarnos a quen se nega a se adaptar a nós; a identificación galego-nacionalismo que de xeito sorprendente fan moitos galegofalantes de dereitas; a falta de prestixio do galego; o desprezo dos galegofalantes de berce polos neofalantes, “Eses que empezan a falar o galego agora porque está de moda non van comigo. O galego téñeno que falar os que o teñen que falar e cando o teñen que falar, coidadiño!”; a acusación de que o galego normativo é unha lingua inventada; esa frase tan escoitada de que “O que necesita este país son postos de traballo, cartos, entendido?, e o resto son caralladas”, como se non se gastase un peso neste país no castelán; a mentira desa inexistente imposición da lingua de noso, “E ademais a min isto do galego paréceme unha imposición”; o auto odio que leva a galegofalantes dende o berce a considerar que ese o seu galego vivo, das vilas, é o exemplo do mal galego. Porque, velaí o problema, moitas veces son os galegofalantes os que consideran a lingua de seu como unha lingua de terceira.

Nuñez Singala, armado de retranca, rebate unha por unha todas esas acusacións, e faino enfrontando os falantes coas súas mesmas contradicións: a nai que fala coa amiga en galego e cos seus fillos nun castelán inzado de estruturas sintácticas galegas, e aínda se lamenta de que o fillo suspenda o galego; o vello que non falou máis que galego na súa vida e que porén coida que esa lingua que ten sido a súa ferramenta exclusiva de comunicación cos demais “non vale para nada”; esas irmás siamesas que simbolizan o desprezo que senten as dúas principais cidades galegas pola lingua de noso, “Y los que lo hablan son los nacionalistas, gente violenta, que no pega con nosotras para nada, para nada, por Dios”, e que porén gastan os cartos en protexer linguas alleas: “Galego nin un chío, pero tibetano e catalán, sen problemas. País!”; eses pretendidos bilingües que non só non queren o galego para eles, senón que lle negan aos demais a liberdade de utilizalo.

O mellor do libro é que non só denuncia situacións e actitudes contrarias ao galego, senón que amosa unha oposición frontal contra elas. Imos todos un pouco fartos dese amosar a chaga e deixar que feda. Hai que ensinarlles aos rapaces como defender as súas conviccións, como se defender das mentiras, como loitar contra o prexuízo. Aínda hai “tempo para rectificar antes de que sexa definitivamente tarde


(*) Todas as cursivas, citas textuais.

Comedia Bífida. Manuel Núñez Singala. Colección Costa Oeste. Editorial Galaxia, 2007

HAI CU


Hai cu está divido en dez partes, nas que o autor deita unha ollada perspicaz e refrescante sobre o cotián, a lingua, o nacionalismo ou o amor.


Se a primeira parte –a prescindible cu chino- facía temer que o libro non fose máis que a ghamberrada dun lingüista, o resto do libro descúbrenos a un autor fresco, agudo e divertido, que coloca nos seus poemas abondosas dedicatorias á noiva, á familia ou aos amigos, referencias á rede –propaganda do blogue do autor incluída-, á tele, ao cine, que utiliza sen complexos os emoticóns (Ultrahaicu: :-*? ) ou a linguaxe dos SMS para escribir os seus poemas, e consigue, sorpresa, que todo iso funcione.

Moi recomendable como terapia para aqueles que aínda cren que ler poesía é aburrido, e unha patada nas “bólas de dragón” (é case unha cita) aos que fan d
a solemnidade a súa bandeira poética.


Hai Cu. O Leo. Edicións Xerais, 2007

5.10.08

23 pandoras + la manera de recogerse el pelo

Dúas antoloxías de poesía feminina nas que participo, con cadanseu blogue (os videos. á dereita):

23 pandoras (coordinada por Vicente Muñoz Álvarez). Editada por Baile del Sol.

La manera de recogerse el pelo (coordinada por David González). De Bartleby Editores.

4.10.08

Ás carreiras!

52 palavras

Speed test



En inglés

58 words

Typing Test



Tendo en conta o teclado (Acer One) e a postura (deitada :) non está mal.

Vía Made in Galiza

Actualización the day after:

71 words

Typingtest

27.9.08

Adeus, Paul

Para sempre o indomable Luke.


18.8.08

Protexer o lector?





Álvaro –quince anos- guinda o libro enriba da mesa.

-Parabéns.

-Gustouche?

-Si. É moi crúa, pero está moi ben.

Ollámonos un intre, sorrimos. Espréitame a través deses os seus ollos riscados, tan fermosos. Os ollos de Aldara.

-Ti pensas iso?

-Que quere dicir “iso”?

-Da vida. Pensas que todo é unha merda, que nada paga a pena?

-Eu non son Gabriel, fillo. El é incapaz de ser feliz. Ti cres que eu son así?

Volve sorrir. Son a súa nai, algo arroutada, si, mais sempre divertida e agarimosa.

-Non, claro que non –sinálame co índice- O próximo vai ser o de relatos. Avísocho.


Finxo ignoralo, mentres a miña mente bule polos andeis do meu cuarto. Só teño un exemplar. Tereino que agochar.

26/08/08 - Supoño que non fai falla dicilo, pero nunca lle agocharía un libro aos meus fillos, aínda que cando os vexo cun dos meus nas mans a tentación é inmediata. Concordo co que di Dolores Vilavedra no Protexta de agosto sobre as lecturas dos rapaces. Entre as últimas lecturas de Álvaro -agora está a ler Made in Galiza- está o case inevitable Harry Potter, máis tamén Los perros de Tesalónica, de Askildsen, Matadero 5, de Vonnegut ou Cartero, de Bukowski. Gústame o pouso que lle deixan, as preguntas que me fai logo sobre o estilo ou a trama, a súa empatía cara ás aventuras e desventuras das personaxes.

8.8.08

Os milagres de Cristamar.

Chelo Suárez presentou hoxe na Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez, ao carón da Pardo Bazán, o seu último libro, IV Premio Narrativas Quentes. Parabéns!

7.8.08

"F. Kafka, Everyman", un artigo de Zadie Smith



The Tremendous World I Have Inside My Head: Franz Kafka: A Biographical Essay
by Louis Begley

Atlas and Co., 221 pp., $22.00

1.

How to describe Kafka, the man? Like this, perhaps:

It is as if he had spent his entire life wondering what he looked like, without ever discovering there are such things as mirrors.
A naked man among a multitude who are dressed.
A mind living in sin with the soul of Abraham.
Franz was a saint.[1]

Or then again, using details of his life, as found in Louis Begley's refreshingly factual The Tremendous World I Have Inside My Head: Franz Kafka: A Biographical Essay: over six feet tall, handsome, elegantly dressed; an unexceptional student, a strong swimmer, an aerobics enthusiast, a vegetarian; a frequent visitor to movie houses, cabarets, all-night cafes, literary soirees and brothels; the published author of seven books during his brief lifetime; engaged three times (twice to the same woman); valued by his employers, promoted at work.

But this last Kafka is as difficult to keep in mind as the Pynchon who grocery-shops and attends baseball games, the Salinger who grew old and raised a family in Cornish, New Hampshire. Readers are incurable fabulists. Kafka's case, though, extends beyond literary mystique. He is more than a man of mystery—he's metaphysical. Readers who are particularly attached to this supra-Kafka find the introduction of a quotidian Kafka hard to swallow. And vice versa. I spoke once at a Jewish literary society on the subject of time in Kafka, an exploration of the idea—as the critic Michael Hofmann has it—that "it is almost always too late in Kafka." Afterward a spry woman in her nineties, with a thick Old World accent, hurried across the room and tugged my sleeve: "But you're quite wrong! I knew Mr. Kafka in Prague—and he was never late."

(ler artigo completo en The New York Review of Books)

6.8.08

O Romeo, Romeo!

-En que pensas? –ela non contesta- Veña, tía. Estarás a pensar en algo.

-En ti, claro.

-Claro –repite quedo, mirando á punta das zapatillas- Que quere dicir claro? Abúrresme?

-Non. Amólasme.

Encolle os ombreiros.

-Vale. Iso podo entendelo. Acción, reacción. Pero o de que non pensas en nada non mo creo. Eu sempre estou a pensar en algo.

-De máis.

-Para alguén que di que non pensa en nada, de certo que si. A verdade. En que pensas?

-Se cho digo vasme deixar?

-Si. Ou non. Veña, si. Claro que si. Vaia, que ben soa. Claro. Claro. Claro. Préstasme a palabra?

-Cala. Por favor. Cala.

-Se ti falas eu calo. Se ti calas eu falo.

-Pensaba en ti.

-Ti nunca pensas en min.

-Non fago outra cousa que pensar en ti.

Óllaa escuro, negando o sorriso dos beizos. Sinala coa chave a porta pechada.

-Di “Ábrete, sésamo”

-Ábrete, sésamo.

-Que raro. Non abre. Din que a verdade abre todas as portas. Vasme dicir dunha puta vez en que estás a pensar?

3.8.08

O MONSTRO NO LABIRINTO

FRANZÖSIN KLINIK - POTSDAMER PLATZ

—Non parece moi entusiasmada.

Ela encolleu os ombreiros.

—Quieta. Só un minuto máis —fíxolle uns últimos axustes detrás das orellas— Gut. Ich mag die Herausforderungen —o seu aceno de estrañeza fíxoo decatarse e volver ao seu sitio o tradutor— Perdoe. Dicíalle que me gustan os retos –a máscara tiráballe nos extremos, e a moza abriu e pechou a boca para comprobar a súa elasticidade- É case perfecta. Se obviamos o tacto, claro. Sabe? O seu é o meu primeiro rostro. O primeiro que deseño, quero dicir. Normalmente os pacientes veñen a min buscando recuperar a súa beleza, non que lles cree unha nova.

—Eu non teño beleza que recuperar.

—Iso é ben doado de arranxar —xirou o asento ata poñela diante do espello— Un rostro moi especial. Inspiroume o seu colo —percorreu cos dedos o seu longo pescozo— Unha rareza. Ben. Quero que a leve posta durante as próximas vinte e catro horas, que se acostume ao seu novo aspecto. Terá que convivir con el o resto da vida.

—Por que esperar a mañá? Preferiría rematar con todo isto xa.

—Vaia! Tan indiferente e con tanta présa. Non sexa impaciente. Nun par de días volverá á súa casa co rostro definitivo, o de carne e ósos. Aproveite estas horas para visitar Berlín, vai un tempo estupendo. Pasee, visite os museos, tome un café, goce coas miradas alleas. Agora é unha muller fermosa.


NOLA'S AM WEINBERG - VETERANENSTRASSE

Ao principio pensou que nada cambiara. A xente seguía a mirala, mais pronto se decatou de que agora o facían con admiración, aceptando as olladas desafiantes da rapaza cun sorriso. Es unha de nós, semellaban dicir eses sorrisos, podes mirarnos como che pete.

Por primeira vez na súa vida sentou na terraza dunha cafetaría, a observar os matices cos que a fermosura marcaba os corpos da xente que paseaba polo parque. Apreciaba a beleza. Dende cativa ensinárana a facelo, sinalándolle as súas eivas, as diferenzas entre o seu rostro e os dos cativos perfectos que a rodeaban. Unha ensinanza cruel pero necesaria para a que, imperfecta nun mundo no que só se lles permitía o acceso aos mellores embrións —fermosos, intelixentes, lonxevos—, nacera só para que outros avaliasen o dano que a conciencia da súa inferioridade provocaría no seu desenvolvemento.

Estudou na mellor escola, alí onde só podían facelo rapaces con impecables expedientes xenéticos. Ela non estaba á altura, era imposible que o estivese, e o sistema establecido para a súa educación non a axudaba ren: as reunións semanais co equipo de psicólogos que avaliaban os seus progresos e que, segundo o protocolo establecido para o experimento, lle lían ao principio de cada reunión a extensa relación das súas inferioridades, as enfermidades que ignoraban os seus compañeiros de estudo para se cebaren famentas nela, o desprezo falsamente indiferente dos outros cativos do centro, o nivel de esixencia intelectual que a tiña sempre ao bordo do colapso. Mais dalgún xeito sempre conseguía ficar só un paso atrás, gañando o desconcertado respecto dos seus profesores e a xenreira do equipo científico que agardaba, semana tras semana, o derrubamento que prognosticaran e que xa había anos que esperaban.

Eles non sabían cal era a forza que a animaba. Dende cativa namorárase das súas eivas. Era diferente, si, e era a consciencia desa diferenza a que lle permitiu sobrevivir ao experimento que lle dera a vida coa soa idea de esnaquizarlla.

Aos dezaseis anos desapareceron da súa vida os test de avaliación que lle servían xunto coa bandexa do almorzo. Os resultados do experimento foron considerados unha rareza estatística e borrados. O estado concedeulle unha pequena asignación polos servizos prestados, e quedou ceibe para seguir coa súa vida. Foi entón, liberada da tutela da administración, cando se decatou do cárcere invisible no que a pecharan. Solicitou praza, xunto co obrigado código xenético, en todas as universidades do pais, mais as súas solicitudes foron rexeitadas. Á fin acollérona na mesma escola onde estudara, onde lle permitiron especializarse nunha materia que segundo eles non lle esixiría demasiado. Foi a primeira decepción.

A segunda foi moito máis persoal. Cando comezou a buscar traballo comprendeu en toda a súa extensión o significado da palabra paria. A xente non podía apartar a ollada dela, o seu aspecto físico incomodábaos, pero o verdadeiro problema era a súa actitude. Ningún empregador semellaba disposto a aturar a falta de humildade de quen consideraban un erro da ciencia, un monstro apenas humano.

Decidiu investir parte dos cartos recibidos en montar unha empresa dedicada ao que mellor coñecía, a beleza. Vendía os seus propios deseños exclusivamente na rede, o que a evitaba os desprezos e as olladas compasivas de clientes e provedores, automatizou todo o proceso para non ter sequera que atender os axentes que levaban e traían as mercadorías.

Paseniño a pequena empresa comezou a ter certo éxito, e pronto tivo que buscar quen a axudase. Foi así como o coñeceu. Presentouse na tenda sen máis credenciais que un grado en redes e uns ollos senlleiros nun rostro fermoso coma tantos e conseguiu o traballo cun considerable aumento na oferta económica inicial. O trato cun monstro é sempre desagradable.

Traballaban xuntos acotío. No seu trato el era cortés pero distante, coma se temese que a proximidade dela contaminase a súa inmaculada beleza. A rapaza, porén, buscaba o contacto, corrixindo as mans que dobraban as prendas, probando na pel del cada novo perfume para poder inclinarse sobre o seu pulso e capturar famenta o seu olor. Antes de coñecelo a súa galaxia só tivera un sol, ela mesma, unha anana negra, fría, incapaz de emitir luz. Coa chegada del a súa órbita cambiou, converténdoa nunha avelaíña ardida, ardente, que devecía por consumirse na súa luz.

Unha tarde bicouno. El limpou os beizos coa man e dixo: “Non volvas ofenderme”.


FRANZÖSIN KLINIK - POTSDAMER PLATZ

O médico foi moi profesional, sen caer na compasiva condescendencia a que estaba tan afeita. De certo que estaba acostumado a tratar con monstros coma ela, había accidentes, aínda inevitables, que deformaban os rostros, os corpos. Pero eses eran seres derrotados, pregando por recuperar a súa antiga fermosura. Ela nunca fora fermosa, mais lonxe de agochar a súa fealdade amosábaa cun orgullo que a resaltaba aínda máis. Muro e alzas, protección e desafío. O cirurxián, intrigado pola súa actitude, preguntoulle por que estaba alí. Ela argallou unha mentira indiferente. Sabía que o seu bisturí non chegaría tan fondo.

El explicoulle a operación polo miúdo e programou para un par de días despois a intervención. Antes, díxolle, tiñan que facer unha pequena proba. Non lle explicou máis nada. Sacáronlle sangue, medíronlle o cranio e o rostro, citárona para o día seguinte.

FRIEDRICHSTRAßE

Percorreu á cidade coa mesma obsesiva intensidade que cando cativa lle dedicara aos estudos. Nunca volvería a Berlín; para ela sempre sería á cidade onde enterrara o seu vello rostro, a súa vella vida. Quen querería volver ao lugar do seu pasamento?

Observou os escaparates da avenida. Por primeira vez na súa vida sentiuse fermosa, alí, rodeada das mellores tendas do país que non podían competir en sinxeleza e paixón cos seus deseños. O inesperado sentimento de superioridade animouna a chamalo. El estivo seco, faloulle só de pedidos e prazos de entrega, ela amosouse coqueta e divertida. Sentía o aire burbullar baixo os seus pés.


MUSEUMSINSEL

Atopou a verdadeira medida da súa beleza no museo exipcio, nunha sala ateigada de xente, tanta que tivo que se abrir paso cun sorriso —a primeira vez que utilizaba unha arma semellante— para abranguer o motivo de tanta atención. Achegouse á vitrina, ignorando os murmurios de sorpresa que medraban ao seu redor. Puxo as mans sobre o cristal e seguiu con dedos trementes os contornos do rostro pechado dentro, o xeneroso arco das cellas, o trazo riscado dos ollos, o nariz recto, os pómulos altos, os beizos carnosos, como o fixera esa mesma mañá no espello da clínica. Tallado en calcaria había tres mil anos, o seu novo rostro, o da raíña máis fermosa, ollábaa dende o interior da vitrina.

Entón o entendeu. Raíña o besta. Por vez primeira podía realmente elixir.


ANGLETERRE HOTEL

Pasou boa parte da noite esperta, mirando ao teito. Pensaba en como a vería el, o que sentiría cando entrase na nave e o saudase dende eses beizos de raíña. Quizais ao principio a rexeitase, pode que a súa beleza lle parecese só un disfrace, e como tal efémera. Pero ela guiaría as mans del polo seu novo rostro para facerlle ver que toda esa luz era súa, agora e sempre, e logo sentaría diante dos monitores a pedirlle información sobre as últimas entregas dos provedores, coma se o cambio non tivese máis transcendencia que a substitución dun elemento defectuoso no sistema informático, e comezaría a traballar, fría, perfecta, indiferente, agardando a que a órbita cambiase e el comezase a xirar ao seu redor, coma unha avelaíña ardida e ardente que devecese por consumirse na súa luz.

BERLIN U-BAHN

Sentou no mesmo centro do vagón. Na clínica ofrecéranse a recollela no hotel, pero ela rexeitou a proposición, famenta de olladas alleas; insegura na beleza como nunca o estivera na súa orgullosa fealdade, precisaba confirmar antes de entrar no quirófano a admiración nos ollos dos demais. Mais esta vez ninguén pareceu decatarse da súa luminosa aparencia, concentrados como estaban na incómoda presenza que viaxaba no extremo oposto do vagón.

O monstro tiña o cabelo negro e unha pel dun branco insán na que abrollaban uns beizos grosos e vermellos coma cereixas abertas. Abría e pechaba esa fenda sanguenta sen emitir son ningún, mentres retorcía entre as mans as perneiras do pantalón, torturado pola compaixón e o noxo dos demais viaxeiros, que o ollaban preguntándose de que escuridade saíra, a que noite pecha volvía. Dende detrás da súa máscara a moza podía sentir renxer as fisuras do home, as gretas que se abrían, unha detrás de outra, na súa brutal fraxilidade.

Sentiu tanta dó e asemade sóubose tan afastada do home, do monstro que ela mesma fora a véspera. Ela elixira ser unha raíña, si, e por un intre sentiu o impulso de achegarse a el e dicirlle ao ouvido mírame, aínda hai esperanza, mais por vez primeira na súa nova vida sentiuse feble, incapaz de dar ese paso que a afastaría da luz, que a marcaría aos ollos dos demais viaxeiros coa súa antiga escuridade. E ficou no asento, fermosa e miserable, ollando para o home coma unha espectadora máis.

Foi entón, cando a fráxil argamasa que mantiña suxeitas as pezas do monstro estaba a piques de escachar, cando sucedeu. Sen miralo, a fermosa muller que sentaba ao carón do monstro colleu unha das mans del, obrigándoo con delicadeza a soltar o tecido que aferraba, e logo levouna aos beizos, deixando que o dorso acariciase o seu rostro, abríndoa logo para bicarlle a palma. Había tanto amor nese aceno. Tanto.

A moza acorou, sen alento. Viuse dende fóra, un monstro agochado tras dunha fermosa máscara, cinsenta temendo sempre que o disfrace se esvaecese, viuse vivindo unha vida que non era a súa cun home fermoso que nunca a querería polo que era. Había uns minutos podería vivir así, querería vivir así. Agora quería máis. Queríao todo.

Arrincou a máscara, e o rumor escandalizado que medrara no vagón ante o xesto da muller volveuse cara a ela nun balbordo de indignada excitación. Cun aceno da man a rapaza apagou o tradutor automático que levaba nas tempas e mergullouse no idioma estraño e áspero. Non tiña interese ningún en escoitar o que se estaba a dicir dela. Con mínimas variacións levaba escoitándoo, escoitaríao toda a vida.


Accésit no Modesto R. Figueiredo 2006


9.6.08

ESTUDANDO, DISQUE


e feliz co que lle trouxen da illa. Grazas, Fran. Grazas, An. Grazas, Reigosa.

31.5.08

SEREAS


—Ola? –Ninguén lle devolveu o saúdo. Tentando ignorar o alcatreo percorreu ás carreiras o corredor ata o seu cuarto, suxeitando coas dúas mans o cargamento de cds agochado embaixo do xersei. Unha vez dentro deixou a carga enriba do leito, pasoulle o peche á porta e sentou fronte a pantalla do ordenador, deixándose hipnotizar pola ladaíña interminable de cambiantes porcentaxes no programa de descargas.

Todo comezara en Pensamento e Creación, o día que escoitou a serea que sentaba diante falar dun disco que el mesmo baixara de internet uns días antes. Antes de pensalo sequera estaba petándolle na pel pencada e suave do ombreiro, ofrecéndose a pasarlle unha copia do disco, el tíñao, si, e non lle importaría copiarllo.

Cando ao día seguinte na aula lle entregou á serea o cd, a moura de longuísimas pernas que sentaba ao seu carón púxolle a man no peito e preguntoulle ao oído por unha película da que nunca antes oíra falar. A guedella escura que rozaba a súa meixela recendía tan ben, a ondas a rochas a marusía, que sen saber como se oíu retrucar que si, que a tiña, e por suposto non era molestia ningunha copiarlle a película en cuestión, nin sequera facía falla que mercase un dvd, só lle pedía unha pouca paciencia, a saber onde metera a película, tiña tantas.

Axiña correuse a voz por toda a facultade: ao gordo de terceiro non lle importaba copiarche o que quixeses. Nun par de semanas tiña unha corte de sereas pedichonas facéndolle as beiras, algunhas fermosas e distantes, outras agarimosas e próximas, mais todas co mesmo obxectivo: pedir. Apenas lle quedaba tempo nas clases para pasar a limpo a pequena montaña de peticións que se lle ían amoreando nunha esquina do pupitre.

Sacou a lista do peto. Cada vez lle pedían cousas máis estrañas, era incrible a perversidade que agochaban os rostros inocentes das sereas. Comprobou o estado das descargas pendentes, engadiu as novas peticións á cola de baixada. Abriu o programa de gravación, calculando mentalmente os cds que precisaría para todos os mandados que tiña aínda sen entregar. Tería que abondar cos que trouxera, decidiu, botando unha ollada ao seu redor.
Había tempo que a súa nai se negaba a darlle máis cartos para uns libros e cadernos que nunca chegaban a casa, de xeito que pouco lle quedaba por vender. O mp3 e a play foran o primeiro. Hans, unha candorca cativa e loura que ía no seu mesmo curso, mercárallo todo por catro patacóns. O sorriso de Hans afiábase ao mesmo ritmo que medraba a morea de peticións sobre o pupitre do rapaz.

Deitouse no leito e pechou os ollos. Amaba ás sereas, as súas mans riseiras, os seus cabelos doces que ulía famento mentres elas murmuraban nos seus oídos os seus desexos. Faría calquera cousa por elas. Calquera cousa. Unha vez quedou na casa, comesto pola febre, e poucas horas despois tiña tres fermosas sereas no cuarto. Viñeran polo seu botín e, lonxe de se compadecer polas súas doenzas, animárono cordialmente a esquecer os seus padecementos e sentar no ordenador a lles facer as súas copias. Nada como a actividade, dixeron, para se sentir mellor. E el levantouse e fixo todo o que as sereas lle pediron mentres elas rían ao seu redor, acariñando a súa fronte suorenta ao tempo que pronunciaban as palabras máxicas, quero, quero, quero. Como lle gustaría a el poder dicir o mesmo no oído dunha serea.

Sentiu a picada da fame esburacándolle o estómago. Tirou cunha man da cintura do pantalón. Quedáballe frouxo. Levaba un par de días sen tomar máis alimento que as bolsas de patacas fritidas que collía na máquina da facultade. Mordiscou o beizo. Na cociña había tanta comida. Percorreu coa mente todos os andeis, o interior do frigorífico, o pequeno depósito de lambonadas agochado baixo o vertedoiro. Claro que non se atrevería. O silencio que reinaba nese estremo da casa arrepiábao. A vella quenlla nunca fora quen de permanecer calada tanto tempo; falaba tanto, berraba tanto. Cando o sorprendeu tentando sacar da casa o reprodutor de dvd, quixo facela entender canto necesitaba ás sereas, mais ela, coma sempre incapaz de escoitalo, chamouno parvo, babeco, feble. Feble. Que equivocada estaba. El non era feble, non, era só que as amaba, as amaba tanto, e cando ela fechou a porta da casa e lle quitou as chaves da man, berrando que ía rematar con toda esa tolemia, el non puido facer outra cousa que guindarlle o dvd á cabeza, para que calase. E agora a vella quenlla agardaba alí, na cociña, a que a fame o obrigase a enfrontar a súa fedorenta carraxe. Ela tamén lle pedira, ela tamén lle esixira tantas cousas, mágoa que o fixese sen o doce arrecendo das sereas, sen as súas palabras coma ondas que viñesen romper unha e outra vez á súa beira.


(Accésit no Certame de contos Breogán 2006, Centro Galego de Barakaldo)

13.5.08

MEDITACIÓN EN EL UMBRAL


No, no es la solución
tirarse bajo un tren como la Ana de Tolstoy
ni apurar el arsénico de Madame Bovary
ni aguardar en los páramos de Ávila la visita
del ángel con venablo
antes de liarse el manto a la cabeza
y comenzar a actuar.

Ni concluir las leyes geométricas, contando
las vigas de la celda de castigo
como lo hizo Sor Juana. No es la solución
escribir, mientras llegan las visitas,
en la sala de estar de la familia Austen
ni encerrarse en el ático
de alguna residencia de la Nueva Inglaterra
y soñar, con la Biblia de los Dickinson,
debajo de una almohada de soltera.

Debe haber otro modo que no se llame Safo
ni Mesalina ni María Egipciaca
ni Magdalena ni Clemencia Isaura.

Otro modo de ser humano y libre.

Otro modo de ser.


Rosario Castellanos

7.5.08

A MATERIA DO TEMPO


Para Noa o primeiro que se esvaeceu foi o castelo. Iria sostiña que iso non era certo, que primeiro o fixeran as igrexas da Cidade Vella, pero ela nunca entrara nunha igrexa e non as botaba en falta. O castelo si, o seu perfil baixo, robusto, eterno, co seu drakkar poeirento e a escura cisterna na que Carlos lle deu o primeiro bico. Foi seu pai quen llo contou, aparcaba sempre no paseo, un día saíu pola mañá a traballar para volver minutos despois co rostro de xiz. O castelo desaparecera deixando só unha silueta de carriza no leito rochoso.

Axiña foron os restos das muralla e, uns días despois, a torre. Brais levaba días vendo dende a súa casa como a pedra perdía a súa substancia, como transparentaba e deixaba ver polo día a liña do horizonte e no luscofusco as luces dos barcos que abandonaban o porto. A noite anterior, contoulles no instituto cos seus ollos apampados aínda máis abertos, as luzadas do faro deixaran de visitar as súas fiestras.

O mércores seguinte Sort, o profesor de tecnoloxía, faltou as súas clases, e pouco a pouco espallouse polas aulas o ruxerruxe de que a súa casa, a máis antiga da cidade, se esvaecera como fume con todos os que nela estaban. Foi só a primeira. Paseniño os edificios máis antigos da cidade foron desaparecendo entre o abraio dos pequenos e o silencio duns adultos que finxían ignorar o que estaba a pasar, coma se obvialo fixese que aquilo que se puxera en marcha se detivese. Mais era tan difícil non ver os sinais. O resplandor primeiro da pedra, a néboa mesta que semellaba lixala e que ao clarexar amosaba os muros de cristal que exhibían os seus desesperados habitantes. Todo o proceso duraba apenas uns días, o tempo xusto para que a xente abandonase as súas casas antes de que as paredes de cristal se esvaecesen con todo o que contiñan.

Á saída do instituto, de volta a casa, os rapaces percorrían silenciosos as rúas cada vez máis baleiras, nas que medraba rápida a herba. Pasaban a tarde diante do televisor, fascinados e arrepiados polo espectáculo. Na pantalla falaban de monumentos, de edificios antiquísimos desaparecidos en todo o mundo, do éxodo, familias enteiras fuxindo das zonas vellas das cidades, o desconcerto nos ollos dos cativos, os maiores con ese ricto amargo que se lles debuxara uniformemente nos rostros. O mundo esvaráballes entre os dedos sen que soubesen como evitalo.

Un día o pai e máis o avó esperaron a Noa á saída do instituto co coche ateigado, estarían mellor na casa da praia, dixo o pai, o avó non estaba ben, o ambiente da cidade, tan deprimente, afectábao. Noa asentiu. Non quería volver á casa, ver o brillo que sen dúbida agora mesmo a marcaba, contemplar como a habitación na que vivira os seus trece anos deixaba ver os seus tesouros e as súas miserias antes de se evaporar no ar. Chorou todo o camiño, quedo dabondo para que os dous homes, pudorosos, puidesen finxir que non a oían.

Cando chegaron á casa da praia, un cubo de formigón e cristal, o pai pareceu encher os pulmóns, recuperar o control da situación. Si, alí estarían ben, na casa nova non lles pasaría ren. Por vez primeira Noa estivo tentada de preguntarlle canto sabía, canto temía do que estaba a pasar, mais non o fixo. O medo comezara a espallarse polas súas veas nunha bruma densa.

A casa estaba illada, rodeada de bosques, diante do mar. Cada noite, dende a fiestra do seu cuarto, Noa contaba as luces minguantes da vila do outro lado da ría, contemplando como o mundo recobraba manseliño as súas dimensións primeiras, preguntándose como sería estar sós nese mundo, vello e novo á vez, cando todo desaparecese.

A rapaza pasaba o meirande do día soa co avó. O vello devecía por volver á cidade, dicía que, aínda que non as puidesen ver, as casas estaban alí, que se as pensasen dabondo poderían tocalas, sentilas, habitalas de novo, e ese razoamento, por absurdo que semellase, tranquilizaba á rapaza. O resto do tempo o avó murmuraba ladaíñas das que Noa apenas podía rescatar algunha palabra ao chou, castigo, pecado, creador. A idea dun creador fascinábaa. Quizais alguén soñase o home na terra, quizais ese alguén, canso xa de protexer os seus peóns, quixese iniciar de novo a partida facéndoos comezar onde empezaran.

O pai volvía acotío no serán coa mirada opaca, mancado e cheo de rabuñadas. Non tiñan televisión, e era el quen lles contaba as novas mentres ceaban o pouco que apañara na cidade. Era optimista, as cousas parecían ir mellor, un amigo do concello dixéralle que todo estaba a piques de chegar á súa fin, pronto poderían volver á cidade, só tiñan que ser pacientes, si, ser pacientes. O avó escoitaba en silenzo, aprobando coa cabeza as frases do fillo, tiña un aspecto febril, o rostro acendido e brillante, cada vez pasaba máis tempo adormentando no sofá.

Unha tarde o avó decatouse de que lle faltaba o reloxo de peto, o único que lle deixara o seu pai, como vou lembralo agora, dicía, coma se reloxo e pai fosen a mesma cousa. Revolveron toda a casa sen atopalo, ata que o velliño se rendeu entre saloucos, e cando o pai chegou da cidade o avó durmía xa na cadeira de brazos, a grisalla do cansazo instalada no rostro. O pai deixou a mochila coa comida no chan e acariñou o curuto do vello cos dedos vernizados de sangue seco. Logo sentou no sofá, a contarlle baixiño a Noa as esperanzadoras novas do día mentres a rapaza deitaba a cabeza nas súas coxas. Nun par de semanas todo volvería a normalidade, tiñan que estar tranquilos, non se deixar levar polos nervios, todo tería unha solución. Noa sorría, deixando que as bágoas esvarasen lentas polas súas meixelas. Por entre as pálpebras medio pechadas podía ver a man do avó, onte pesada e gris, amosar vidrosa ao seu través o estampado da cadeira de brazos. Bicou a perna do pai e pechou os ollos. Precisaba tanto durmir. Quizais se soñase dabondo puidese manter o seu pai, o seu avó con vida, quizais nela alentase esa faísca de divindade capaz de soñar un mundo novo.

Publicado na Revista Abril. Monográfico de literatura galega.2006.